AEIGA reúne en Santiago a representantes das  asociacións de empresas de inserción de todo o Estado-NOTA DE PRENSA

Out 4, 2022 | Novas, Sin categoría

A xornada serviu para analizar a reforma da Lei 44/2007, con motivo do XV aniversario da súa aprobación
Santiago de Compostela, 3 de outubro.

A Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) reuniu o pasado luns en Santiago de Compostela a representantes das asociacións de empresas de inserción de todo o territorio do Estado con motivo do XV aniversario da Lei 44/2007, a normativa que implantou a regulación do réxime destas entidades.

O acto de ‘Promoción das Empresas de Inserción. Actualidade e retos de futuro’, que se celebrou no Hotel NH Santiago de Compostela o 26 de setembro, rexistrou unha importante participación tanto a través de streaming como en formato presencial.

O evento acolleu, así, a decenas de representantes do sector de Canarias, Asturias, Murcia, Madrid, Andalucía, Aragón, Castela A Mancha, Castela e León, Cantabria, Estremadura, A Rioxa, Comunidade Valenciana, Navarra, País Vasco, Illas Baleares ou Cataluña, ademais de portavoces institucionais autonómicos e do Goberno estatal.

O obxectivo principal destas xornadas foi visibilizar a dimensión que adquiriron as empresas de inserción nestes quince anos de traxectoria de loita contra a pobreza e a exclusión social, como instrumentos para favorecer a formación e a inclusión socio-laboral das persoas en risco a través dunha experiencia real nun posto de traballo remunerado.

‘Promoción das Empresas de Inserción’ enmarcouse, ademais, nos actos de ‘Santiago de Compostela, capital española da economía social’ e no programa de Eusumo para 2022, a rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, cofinanciada polo Ministerio de Trabajo y Economía Social.

A xornada de traballo comezou cunha mesa redonda na que se abordou a situación dos chamados contratos reservados, é dicir, a figura xurídica que establece determinados procesos de licitación para empresas de inserción, centros especiais de emprego de iniciativa social.

Nesta actividade, moderada por Celso Gándara, presidente de FOROESGAL, participaron:  a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; a presidenta da Asociación Valenciana de Empresas de Inserción (AVEI), María Teresa Lázaro Pérez; o responsable de Medio Ambiente e Sostibilidade de ‘Moda re-‘, a cooperativa de iniciativa social sen ánimo de lucro impulsada pola Confederación Cáritas Española, Alberto Egido; o presidente da Asociación Empresarial Galega de centros especiais de emprego de iniciativa social (CESAGAL), José Antonio Vázquez; e a presidenta de AEIGA, Isabel Fraga.

Posteriormente, tivo lugar o acto institucional ‘Promoción das Empresas de Inserción’, coa presidenta de AEIGA, Isabel Fraga, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e o director xeral de Inclusión Social da Xunta, Arturo Parrado.

Os diferentes representantes incidiron na importancia deste tipo de entidades polo seu traballo para favorecer a inserción sociolaboral dos colectivos que se atopan en situación máis vulnerable.

RETOS NOS CONTRATOS RESERVADOS

Un dos puntos máis destacados ao longo da xornada centrouse nos contratos reservados, nas oportunidades que ofrecen para a inclusión das persoas e o papel das empresas do sector como facilitadores deste importante traballo a favor da inserción sociolaboral.

A presidenta de AVEI, María Teresa Lázaro, presentou o documento ‘Decálogo de retos en materia de contratos reservados’, elaborado por AEIGA e no que se recolleron en dez puntos os principais obxectivos e cuestións a abordar neste ámbito.

Entre eles, o establecemento de porcentaxes de reserva; a creación de mecanismos de control do grao de cumprimento; o fomento do diálogo co sector e recomendacións nos pregos das licitacións.

REFORMA LEXISLATIVA

Ademais da presentación dun vídeo conmemorativo sobre a situación actual e os retos de futuro das empresas de inserción, na mesma mañá celebrouse a mesa redonda ‘Modificación da Lei 44/2007’, moderada por Manuel Alegre Nueno, avogado e experto en dereito laboral.

Nesta actividade abordouse a oportunidade e a importancia de avanzar e atallar esa reforma lexislativa para adaptarse aos novos tempos e á situación actual das persoas en risco de exclusión.

O acto contou coa participación da directora general de Trabajo Autónomo, Economía Social y Responsabilidad Social de las Empresas do Ministerio de Trabajo y Economía Social, Maravillas Espín, a vicepresidenta da Federación de Asociaciones Empresariales de Empresas de Inserción (Faedei) e directora de AREI (Aragón), Marisa Esteve e o presidente da Federació d’Empreses d’Inserció de Catalunya e director de ‘Moda Re-‘, Albert Alberich. Nesta mesa redonda tamén estiveron a presidenta da Asociación de Empresas de Inserción del País Vasco (Gizatea), María José Rodrigo, e o representante da Asociación Madrileña de Empresas de Inserción (AMEI), José Miguel Bautista.

O diálogo centrouse nos principais retos e demandas das empresas de inserción que poderían chegar a materializarse no marco da actual reforma, como a promoción da regulación normativa en todas as comunidades e a convocatoria anual de axudas mínimas a estas entidades en tódolos territorios.

Ademais, abordouse a declaración SIEG e a non suxeición do Réxime de Mínimis, que historicamente limitou o acceso a financiamento, e que a modificación da Lei de EIS debe servir para reforzar a compatibilidade das axudas públicas co mercado interior europeo, declarando que as subvencións dirixidas a este tipo de empresas non son Axudas de Estado.

Tamén sinalaron que a cualificación administrativa de empresa de inserción leve implícito o Selo de Inclusión Social do Ministerio, que a norma conte cunha declaración expresa de consideración como entidades sen ánimo de lucro, que se impulsen mecanismos para evitar o intrusionismo de mercantís e outras sociedades con carácter lucrativo; e unha regulación específica da temporalidade dos contratos de inserción no marco da actual Reforma laboral.

A xornada foi clausurada coa intervención da presidenta de AEIGA, Isabel Fraga, a directora general de Trabajo Autónomo, Economía Social y Responsabilidad Social de las Empresas do Ministerio de Trabajo y Economía Social, Maravillas Espín, e a conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.

———————————–
SOBRE AEIGA
A Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa empresas de inserción laboral da comunidade galega.
Así, actúa como representante da patronal destas empresas e como entidade social no ámbito da inclusión sociolaboral dos colectivos en risco de exclusión social.
Desde AEIGA buscamos impulsar a difusión e o fomento destas empresas como ferramenta de loita contra a exclusión e vía de inserción laboral das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Abrir chat
1
Necesitas axuda?
Ola 👋, en que podemos axudarte?