Alcaldes galegos apelan á “vontade política” para superar a porcentaxe de contratación reservada que marca a lei

Mar 1, 2024 | Novas, Xornadas

  • Os rexedores de Ames, Carballo, Sada e Ribadavia e o concelleiro de Mobilidade e Convivencia de Santiago apelan á responsabilidade das institucións locais na construción dunha comunidade máis inclusiva, onde todas as persoas, independentemente das súas habilidades ou circunstancias, poidan participar plenamente na vida laboral e social
  • Técnicos de diferentes administracións sinalan na xornada organizada por Cegasal e Aeiga que a regulación da porcentaxe de contratos reservados “debería formar parte do texto da Lei de Contratos Públicos e non ser unha disposición porque iso non axuda ao seu coñecemento e cumprimento”
  • A alcaldesa Goretti Sanmartín, encargada de clausurar o evento, comprometeuse a elevar do 5 ao 10% a porcentaxe destinada a contratos reservados por parte do Concello de Santiago

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024. Máis dun centenar de persoas, de forma presencial e en liña, participaron esta mañá na xornada organizada por Aeiga e Cegasal para abordar a contratación reservada e na que se abordou a importancia da dimensión social e ambiental nos contratos públicos das entidades locais. Catro alcaldes (Ames, Carballo, Sada e Ribadavia) participaron na primeira mesa redonda falando da súa experiencia cos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e as empresas de inserción laboral.  Carballo, Santiago, Ames, concellos pioneiros en traballar coas entidades de economía social, destacaron o positivo desta colaboración, mentres que os rexedores de Sada e Ribadavia tamén achegaron a súa visión, máis recente, do traballo que realizan coas persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Ademais, os políticos animaron a outros alcaldes a sumarse a este compromiso social porque, sinalaron, “ademais de cumprir coa lexislación vixente, neste tema pesa e moito a vontade política”.

Pola súa banda, técnicas e técnicos de varios concellos referíronse na segunda mesa redonda da xornada ás particularidades da tramitación dos contratos reservados en sectores específicos. Moderados por Elena Barba, da xunta consultiva de Contratación da Xunta de Galicia, sinalaron que o cumprimento da Lei de Contratos Públicos no que se refire a centros especiais de emprego ou empresas de inserción “sería máis sinxelo se estivese recollido no propio texto da lei e non nunha disposición”. Isto, sinalaron, dificulta “o seu coñecemento e cumprimento”.

Santiago aumentará a porcentaxe de contratos reservados

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, foi a encargada de clausurar a xornada  e na súa intervención destacou a traxectoria do Concello compostelán na contratación reservada: “Fomos pioneiros hai 20 anos e hoxe en día destínanse 5’4 millóns de euros a estas contratacións”. Sanmartín apostou por incrementar de forma notable esta partida  e aumentar dun 5 a un 10% estas contratacións: “Queremos e debemos seguir avanzando”.

 

Previamente, a directora xeral de Emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, subliñou o peso da economía social galega e a aposta do Executivo por impulsalo e apoialo, sendo unha das autonomías que máis fondos destina ao sector. Nesta liña, lembrou que o pasado mes de xaneiro aprobouse a Estratexia galega de Economía Social e que en breve presentarase a nova Lei de Cooperativas.

Isabel Fraga, presidenta de Aeiga, e Herminio Martínez, presidente de Cegasal, foron os encargados de conducir a xornada que contou coa intervención de Elena Barba, da Xunta de Galicia, que ofreceu unha  introdución á contratación pública reservada.

Por parte da Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro e da Asociación galega de Empresas de Inserción Laboral puxéronse en marcha diferentes iniciativas para alentar aos concellos da nosa comunidade para tomar medidas concretas para apoiar e promover a contratación responsable, reservando unha parte dos contratos públicos para empresas que demostren un compromiso xenuíno coa inclusión e a responsabilidade social corporativa. Ao facelo, non só se promove a igualdade de oportunidades no mercado laboral, senón que tamén se recoñece e valora a contribución única que fan á nosa sociedade.

Ademais, ao fomentar a contratación responsable, os concellos poden desempeñar un papel chave na construción dunha comunidade máis inclusiva e cohesionada, onde todas as persoas, independentemente das súas habilidades ou circunstancias, poidan participar plenamente na vida laboral e social.

 

Abrir chat
1
Necesitas axuda?
Ola 👋, en que podemos axudarte?