ARTÍGO REVISTA Nº 23 xullo 2016 – Publicación trimestral da Federación Galega de Municipos e Provincias

Out 13, 2016 | Novas

artigo-fegam

As empresas de inserción laboral, unha política activa de emprego eficaz e con futuro

As administracións públicas teñen á súa disposición un modelo de política activa de emprego eficaz e eficiente que amosa ano a ano a súa amortización económica pero, sobre todo, social

Nestes últimos anos, asistimos a unha sesión permanente de inestabilidade eco­nómica que sacudiu o financiamento de proxectos de toda índole. Actualmente, e tras este varapau, vivimos un período de adaptación que nos esixe buscar alter­nativas novas cun carácter eficiente, sen que isto non supoña unha mingua nas po­líticas de cohesión social e que favorezan as políticas activas de emprego.

A dificultade de acceso á formación e inserción laboral é un dos escenarios co­múns que se atopan as persoas en risco de exclusión social. Por iso, é esencial unha implicación activa por parte das adminis­tracións públicas, mediante as súas capaci­dades e medios dispoñibles, que permitan aliviar esta situación. Así pois, a eficiencia nas accións das entidades de carácter pú­blico dirixidas a promover o emprego e na inserción social, obedecerá aos modelos de cohesión social e aos esforzos que execu­ten dentro das súas competencias.

En Galicia, as empresas de inserción supoñen unha iniciativa de carácter empresarial, que apostan polo desenvol­vemento social e medio ambiental como ferramenta de traballo na prestación de servizos profesionais, pero, sobre todo, se presenta como ese modelo de actuación en materia de inserción socio-laboral que permite o acceso ao mercado de traba­llo, a través da contratación de persoas en risco de exclusión, para atender aos traballos ou servizos concertados coas entidades públicas ou privadas.

As iniciativas desenvolvidas polas empresas de inserción en relación ás administracións públicas en Galicia son numerosas, e su­poñen un apoio importante chegando a plasmar na Lei 14/2013, de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonó­mico da Xunta de Galicia, no seu artigo 26. Nela establécese a reserva de contratos a centros especiais de emprego e empresas de inserción socio-laboral un límite mínimo do 3 % e máximo do 5 % do importe dos contra­tos adxudicados no exercicio orzamentario inmediatamente anterior mediante contratos menores ou procedementos negociados por razón da contía.

Desde a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia -AEIGA-, valórase como un apoio fundamental de recoñe­cemento por parte da Xunta de Galicia, pero non obstante é insuficiente. Esta asociación sen ánimo de lucro, naceu en 2007, co obxectivo de promover o desenvolvemento das empresas de in­serción de Galicia como vía de inclusión social cun claro carácter mercantilista e é recoñecida en 2012 Entidade Declarada de Utilidade Pública, supoñendo un recoñecemento á súa transparencia e ao seu labor.

Neste sentido, AEIGA promove e busca a implicación das administracións públicas e de entidades de iniciativa privada, para difundir a figura das empresas de inser­ción e atopar espazos de recoñecemento e contratación de servizos por parte tanto de deputacións e concellos galegos, como daquelas entidades ligadas ao territorio e ás necesidades de traballo nas súas zo­nas. Isto favorece a creación de postos de traballo, adquirindo un compromiso so­cial, ético e medio ambiental que vai máis alá da súa contribución a xerar emprego.

Actualmente as empresas de Inserción de Galicia que compoñen AEIGA, desenvol­ven o seu labor empresarial en materia de traballos medio ambientais, forestais e xardinería, servizos de recollida e reci­claxe de aceite usado e téxtil, limpeza, mantemento de infraestrutura e obra civil, realización de portes e mudanzas e posta en marcha de comercios de segunda man; contando un total de cinco empresas repartidas polo territorio autonómico: Feito, en Pontevedra; Cormo Integral, en Vigo; Servizos EIL, en Ribeira; e as empresas de inserción Compostela Inserta e Arroupa, en Santiago de Compostela.

En definitiva, as Empresas de Inserción Laboral son un instrumento que permite o acceso ao mercado de traballo mediante estruturas empresariais que producen bens e servizos, axustándose ás normas do mer­cado e xerando un beneficio económico e social, e sobre todo unha resposta laboral a disposición das administracións públicas como modelo de política activa de empre­go eficaz e eficiente.

Miguel Fernández Blanco Presidente da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia

 

Abrir chat
1
Necesitas axuda?
Ola 👋, en que podemos axudarte?