As empresas de inserción laboral

Que son?

As EIL son instrumentos que permiten ás persoas en situación ou risco de exclusión sociolaboral realizar unha aprendizaxe nunha contorna laboral real mediante o traballo nun posto por conta allea remunerado.

Son empresas

Producen bens e prestan servizos no mercado. Xeran actividade e riqueza económica na comunidade, cun compromiso claro co desenvolvemento local, a cohesión social e a sustentabilidade. 

Creadas por entidades

Están impulsadas por unha o varias entidades sen ánimo de lucro (incluídas as entidades de dereito público) cuxo obxecto social contemple a inserción social de persoas especialmente desfavorecidas.

Sen ánimo de lucro

Na empresa de inserción, segundo a normativa autonómica, os excedentes dispoñibles obtidos en cada exercicio aplícanse á mellora ou ampliación das estruturas produtivas ou á promoción de actividades de inserción sociolaboral.

Finalidade social

Son unha ferramenta de inclusión social que prepara a persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade ou exclusión social para incorporarse ao mercado laboral ordinario.

Persoas beneficiarias

Son entidades que traballan con persoas que pertencen a colectivos en situación ou risco de exclusión social, sendo estas as súas beneficiarias directas.

Ponte ao mercado laboral

Funcionan como tránsito cara ao mercado laboral ordinario mediante os itinerarios de inserción personalizados (inclúen formación profesional, adquisición de hábitos sociais de traballo e acompañamento social).

Acompañamento como modelo de intervención

Empregan o acompañamento como modelo de intervención encamiñado a satisfacer ou resolver problemas específicos derivados da situación de exclusión.

Retorno á Administración

As EIL contribúen a transformar as políticas pasivas en activas e a aumentar a rendibilidade dos investimentos públicos.

Servizos de Interese Económico Xeral

Son Entidades Prestadoras de Servizos de Interese Económico Xeral (art 5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro).

Economía social

Forman parte da economía social regulada na Lei 6/2016, do 04 de maio

Normativa aplicable en materia de empresas
de inserción laboral

Normativa estatal

Normativa autonómica

Axudas

Orde do 30 de decembro de 2022

Pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento TR356A e TR356C). DOG nº 25 do 6 de febreiro de 2023.

Bonificacións á seguridade social

Para o contrato de traballo para traballadores desempregados contratados por empresas de inserción contemplado na Lei 44/2007 de Empresas de Inserción. Bonificación da cota empresarial en 70,83 €/mes ou 850€/ano, durante un máximo de tres anos ou a vixencia do contrato. Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego. Boletín Oficial do Estado do 30 de decembro do 2006.