Cooperativas agroalimentarias e empresas de inserción galegas exploran as oportunidades de negocio do reaproveitamento alimentario

Set 28, 2025 | Novas

Santiago de Compostela, 29 de setembro 2025.- A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga) organizan conxuntamente unha xornada para explorar as oportunidades de negocio que abre o reaproveitamento alimentario. O evento vaise desenvolver o vindeiro 3 de outubro, de 09.00 a 14.00h en modalidade online, e servirá para analizar o novo escenario que abre a Lei 1/2025, de 1 de abril, de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario e avaliar as posibilidades de colaboración neste eido.

A citada lexislación afecta a todos os axentes da cadea alimentaria, desde a produción primaria (agricultores e gandeiros) e a transformación (industrias alimentarias), ata a distribución maiorista e minorista, o sector da hostalería e a restauración, ás entidades da economía social que se dedican á doazón de alimentos, así como ás administracións públicas, coas excepcións das microempresas, pequenas explotacións agrarias e das empresas de ata 1.300m2 de superficie útil total. Segundo as novas directrices, a primeira opción para un alimento que se vai desperdiciar debe ser a doazón para consumo humano, seguida da súa transformación noutros productos, a alimentación animal e, por último, a súa valorización como subproduto (compost ou biocombustibles).

A inscrición na xornada está aberta ata o día 2 e é de balde. O programa vai especialmente dirixido a empresas e entidades da economía social, asociacións e fundacións vinculadas á alimentación, a inclusión social, a sostenibilidade ou a xestión de residuos, equipos de responsabilidade social corporativa e xestión ambiental, calidade, medio ambiente, loxística, operacións e retail.

A primeira sesión da xornada estará adicada ao marco normativo, pasando a continuación á presentación de exemplos de boas prácticas por parte de responsables de Vegalsa Eroski e Gadisa. Tras un descanso falarán responsables da empresa de inserción laboral Primicias Raíña, da fundación Formació i Treball e do proxecto Maná de Cáritas, que exporán as súas experiencias desde o ámbito da economía social. As empresas Phenix e Sueve Biotech, para terminar, compartirán os seus modelos de negocio de reaproveitamento alimentario.

A actividade está financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade a través do programa de actividades 2025 da Rede Eusumo.

Tanto na web de Aeiga como de Agaca está dispoñible o link ao formulario de inscrición e o programa detallado da xornada.

link formulario

Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.