dEputación dA coruña

Camiño da Inclusión: Viaxe a unha vida digna

“Camiño da Inclusión: Viaxe a unha vida digna”. Este proxecto busca visibilizar e poñer en valor o papel das Empresas de Inserción (EI) na creación dun tecido económico máis sostible, inclusivo e responsable na provincia da Coruña. A través de accións formativas, informativas e de difusión, preténdese sensibilizar á cidadanía, empresas locais e á mesma administración pública sobre os beneficios económicos e sociais de apoiar e colaborar coas EI. Ademais, o proxecto busca fortalecer a rede de colaboración entre as EI e o tecido empresarial local para potenciar a integración laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social.

As Empresas de Inserción traballan para integrar a persoas en situación de vulnerabilidade social no mercado laboral, proporcionando oportunidades de emprego e formación. Comprar produtos e servizos destas empresas é unha acción de solidariedade que apoia directamente a estes colectivos.

E finalmente, na campaña destacamos o impacto transformador: CAMIÑO DA INCLUSIÓN, pon de relevo o impacto positivo que as Empresas de Inserción teñen na vida das persoas. Non se trata só de adquirir un produto ou servizo, senón de contribuír a un cambio real e significativo na comunidade. Cada compra axuda a transformar vidas, proporcionando emprego, dignidade e autonomía a quen máis o necesitan.

Dentro do noso traballo, destacamos a loita pola inserción social dos colectivos en situación ou risco de exclusión social. Consideramos que o fomento do emprego e o apoio ao comercio están directamente ligados ao mantemento/crecemento da actividade a nivel económico das empresas de inserción, e dito crecemento reflicta novas oportunidades laborais para colectivos en risco de exclusión social.

OBXECTIVOS

  1. Incrementar a visibilidade e o recoñecemento das EI e do seu impacto social e económico.
  2. Promover a contratación e compra responsable de produtos e servizos das EI por parte de empresas, administracións públicas e cidadanía.
  3. Fomentar a colaboración entre as EI e o tecido empresarial local para facilitar a integración laboral das persoas que completan os itinerarios de inserción.
  4. Sensibilizar sobre a importancia da inclusión sociolaboral como parte dunha economía sostible e comprometida cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

FINANCIACIÓN

Actividade subvencionada en exclusiva pola Deputación da Coruña, mediante a convocatoria do Programa de subvencións dirixida a entidades empresariais sen ánimo de lucro da Provincia da Coruña para a realización de actividades de promoción económica, durante o ano 2025 (FOENAA 2025).

ACTIVIDADES

Camiño da Inclusión: viaxe a unha vida digna,  unha peza audiovisual que pon en valor o papel fundamental das Empresas de Inserción na construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e sostible.

A través deste vídeo achegámonos ao día a día das Empresas de Inserción da provincia da Coruña: os seus espazos de traballo, os produtos e servizos que ofrecen e, sobre todo, as historias reais das persoas que forman parte destes proxectos.

Porque detrás de cada emprego hai unha oportunidade.

E detrás de cada oportunidade, unha historia de superación.

Os testemuños recollidos amosan o impacto real destas iniciativas: “Non só é un traballo, é volver sentirme útil e recuperar a confianza en min mesma.”

As Empresas de Inserción non só xeran emprego, senón que acompañan ás persoas nun proceso de crecemento persoal e profesional, facilitando a súa incorporación ao mercado laboral en condicións de igualdade.

Este vídeo é tamén unha chamada á acción:

Á cidadanía, para apoiar o consumo responsable.

Ás empresas, para apostar por modelos de colaboración inclusivos.

Ás administracións, para seguir impulsando políticas que favorezan a inclusión sociolaboral.

Convidámoste a ver, compartir e formar parte deste camiño.

👉 Porque apoiar ás Empresas de Inserción é apostar polas persoas.

AEIGA Stand informativo

Stand informativo: AEIGA tamén está presente en ferias e espazos públicos, neste caso o 12 de decembro montamos un STAND INFORMATIVO sobre Empresas de Inserción no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, coa exposición de produtos de empresas de inserción.

O pasado 12 de decembro de 2025, a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) participou nun stand informativo na Praza do Mercado de Abastos, no marco do programa Camiño da Inclusión: viaxe a unha vida digna.

Esta actividade tivo como principal obxectivo achegar á cidadanía o labor das Empresas de Inserción, dando a coñecer o seu papel na xeración de oportunidades laborais para persoas en situación ou risco de exclusión social, así como a súa contribución a unha economía máis xusta, sostible e comprometida co territorio.

Durante a xornada, as persoas asistentes puideron:

  • Coñecer de primeira man os produtos e servizos ofrecidos polas Empresas de Inserción.
  • Acceder a información sobre a economía social e a importancia da contratación e do consumo responsable.
  • Visualizar o vídeo Camiño da Inclusión, a través de códigos QR dispoñibles no stand.
  • Participar en actividades divulgativas orientadas á sensibilización social.

Esta acción permitiu crear un espazo de encontro directo entre as Empresas de Inserción e a cidadanía, favorecendo o coñecemento mutuo e poñendo en valor o impacto social destas entidades.

Dende AEIGA seguimos traballando para visibilizar o papel das Empresas de Inserción e promover unha sociedade máis inclusiva, na que todas as persoas teñan oportunidades reais de desenvolvemento persoal e profesional.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.