Martiño Noriega recibe o presidente de AEIGA 08/11/2016

O alcalde de Santiago recibiu hoxe o presidente da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia, AEIGA, nun encontro no que tamén participou a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández. A reunión foi solicitada por Miguel Fernández co obxectivo de darlle a coñecer ao Goberno compostelán o modelo das empresas de inserción, “un modelo moi útil na loita contra a exclusión social”. O presidente de AEIGA tamén aproveitou para avogar porque “se regulen as cláusulas sociais e a reserva de mercado nos contratos públicos, xa que a Lei Estatal está urxindo a todas as administracións públicas a ter en conta este criterio”.

En Galicia están en funcionamento sete empresas de inserción. Dúas delas están radicadas en Santiago: Compostela Inserta, dependente da Plataforma polo Emprego, e Arroupa, dependente de Cáritas Diocesana. Miguel Fernández explicou que o obxectivo destas empresas é que “as persoas que están en situacións de exclusión poidan acceder a un emprego por un tempo determinado, normalmente tres anos, para despois pasaren ao mercado laboral ordinario”.